Así foi o Surf Camp Lugo 2014

Por admin   Lunes, 30 de junio de 2014

Queriamos deixarvos co mellor do que nos deparou o IV Surf Camp Deputación de Lugo 2014 pero todos vós non cabiades neste post. Estamos inmensamente agradecidos pola vosa acollida, por que, a pesar de que o tempo non nos acompañase, en ningún momento perdestes o voso sorriso e as vosas ganas por aprender e gozar das actividades do fin de semana.

A vosa implicación e as ganas de pasalo ben énchenos de orgullo e píntanos un sorriso que tardaremos en quitar das nosas caras. Unha vez máis, grazas por facer entre todos un gran Surf Camp Deputación de Lugo!

Todo o que precisas saber para aproveitares ao máximo o Surf-Camp Deputación de Lugo

Por admin   Jueves, 26 de junio de 2014

Mañá comeza Surf-Camp Deputación de Lugo. Que ganas! O mellor ambiente surfeiro xa se nota por toda A Mariña e vós incrementástelo durante os últimos días: estamos inmensamente agradecidos pola calorosa acollida que tivo esta cuarta edición porque en pouco máis de 10 días desde que abrimos o proceso de inscrición, esgotáronse todas as prazas para os cursos intensivos de surf!

E aínda queda algunha praza (moi poucas!) para as actividades do domingo. Bule e chama ao 633 859 227 para reservares a túa antes de que se esgoten. Se aínda estás pensándoo, imos pórcho fácil para que non teñas escusa en achegarche e gozar dun fin de semana irrepetible na Mariña.

venres, 27 de xuño daremos o pistoletazo de saída da 4ª edición do Surf-Camp Deputación de Lugo. A cita será ás 18:00 horas no Paseo Marítimo de Viveiro, onde nos acompañarán os nosos campións e campioas de surf e todos os que queirades compartir con nós o momento. Acto seguido, desprazarémonos á Casa do Concello de Viveiro á inauguración propiamente dita do IV Surf-Camp. No Salón de Actos, ás 19:00, agardaranos toda unha referencia e un exemplo vital máis alá do surf, Aitor Francesena, que, entre outras cousas, nos demostrará que a vida pode ser marabillosa.

Un pouco antes, para ir quentando motores, a partir das 16:30 ata as 19:00 horas, poderás pasar pola explanada do paseo marítimo de Viveiro para gozar dunha sesión de multiactividades deportivas: simulador de surf, skates eléctricos, longskate, segway… Esta actividade estaba prevista, nun principio, para o sábado á tarde, mais por motivos meteorolóxicos cambiámola para o venres para que a poidas desfrutar sen ter que mirar para o ceo. Garantímosche que non haberá un momento para que te aburras.

sábado 28 de xuño, será o momento de inaugurar as ondas da Mariña. Para iso quedamos citados ás 11:00 horas da mañá na praia de Lóngara, en Barreiros. Alí teremos un pequeno briefing, entregarémosvos o material necesario para gozardes dun curso intensivo de surf e dividirémonos en grupos (iniciación, perfeccionamento e profesional) para que todos poidamos tirar o máximo proveito da experiencia. Lembra que os cursos desenvolveranse de 11:00 a 14:00 e de 16:00 a 18:00 horas e que estarán impartidos por grandes figuras do surf como Estitxu Estremo, Aitor Francesena, Dani García, Luis Rodríguez ou Milo Castelo.

Para repor forzas dunha gran mañá gozando do mar da Mariña, propómosche un xantar popular na mesma praia a partir das 14:00 h, onde poderás confraternizar e embeberche do mellor ambiente de praia e surfeiro cos teus compañeiros de táboa. O lugar escollido non podía ser outro que unha das máis afamadas praias desta costa privilexiada: Lóngara en Barreiros.

O broche de ouro deixámolo para o domingo 29 de xuño. Entre as 12 e as 14 h na praia da Rapadoira en Foz haberá clases gratuítas de multiactividade (iniciación ao surf, paddle surf, etc) e perfeccionamento, impartidas polos surfeiros. Se te animas, aínda hai algunha praza dispoñible e o teléfono 633 859 227 está a agardar pola túa chamada.

O mellor da Mariña, o mellor ambiente e todo practicando un deporte que te enganchará. Vés?

Mapa de localizacións


Ver Km.0 Surf Camp Lugo 2014 en un mapa más grande

7 clubes na Mariña para formar unha canteira de surf envexable

Por admin   Martes, 24 de junio de 2014

Surf-Camp Deputación de Lugo non sería posible sen a ilusión que nos trasmitides ao contactar con nós, sen a grande acollida que recibimos, sen as vosas ganas de pasalo ben e acercarvos ao mundo do surf.

Pero tampouco existiría o Surf-Camp Deputación de Lugo sen a estimable colaboración dos 7 clubs que surf que levan anos e anos traballando na Mariña por transmitir todos os valores do surf entre os máis cativos, creando unha canteira envexable e sobre todo amantes deste deporte.

Entre eles suman máis de 250 socios e socias pero o seu número non deixa de medrar. Aquí os tedes a todos. Graciñas por colaborar con nós!

¡Hola!Ola Surf Club de Ribadeo
Avenida Calvo Sotelo nº 30
27700 Ribadeo (Lugo)
982 120 064
609 903 211

North Shore Surf Club de Barreiros
Caseto Carmiña,
27792 Barreiros
northshoreclubedesurf@gmail.com

Surfiños Surf Club de Foz

Sensación Surf Club de Foz
Rúa Emilia Pardo Bazán, 14
27780, Foz
639 89 21 15

Limosa Surf Club de San Cibrao

Oxígeno Surf Club de Viveiro
oxigenosurfschool@hotmail.com

Van Surf Club de Viveiro
Avda.Galicia, 33 baixo
27850 Viveiro
vansurfviveiro@gmail.com
tel: 982563197


Milo Castelo ou como gañar 11 veces o campionato galego de surf

Por admin   Lunes, 23 de junio de 2014

A finais da década dos 80, un crío de tan só 14 anos apuntábase en Razo ao seu primeiro campionato de surf. Cunha actuación espectacular e a pesar de que competía contra rapaces moito máis curtidos e con máis traxectoria na categoría sub-16, o campionato galego foi para el. Un ano despois repetiría triunfo aos 15, pero na categoría sub-18, logo de acadar o 4 posto a nivel español. Nacía unha figura do surf que desde aquela non abandonou o top 10 nacional: Milo Castelo.

Coa categoría de deportista de elite desde o ano 2004, o palmarés de Milo Castelo é dos que se poden presumir. Foi campión de Europa I.S.A e subcampión de España en 2004, ata en 11 veces na súa traxectoria proclamouse campión galego e outras 5 subcampión. Outros trofeos que o contemplan son o campionato Luso-Galaico 2002 ou o do circuíto universitario de Los Ángeles .

Son case 30 anos de experiencia enriba dunha táboa de surf que o levaron a coñecer os lugares máis emblemáticos e tamén os insólitos do panorama internacional. Na actualidade é un freesurfer que procura inculcar no seus alumnos a sensibilización polo medio, o traballo en equipo e o respecto pola natureza, uns valores que transmite na escola Mission Surf School e que tamén nos trasladará no IV Surf-Camp Deputación de Lugo:

Milo Castelo

Mission Surf School
Facebook

Un dos mellores surfistas galegos do momento: Luis Rodríguez

Por admin   Jueves, 19 de junio de 2014

Fonte: El Blog de Occy

Continuamos coa presentación das figuras do surf que nos acompañarán no Surf-Camp Deputación de Lugo 2014 con todo un surfeiro de portada: Luis Rodríguez.

Non todos os días se sae na capa dunha das revistas de referencia deste deporte, e menos que o surfeiro protagonista sexa un galego. Pasoulle ao ferrolán Luis Rodrígez na edición de xaneiro de 2011 da afamada revista Surfer Rule onde o noso surfeiro cabalga unha das ondas máis afamadas da Mariña.

Luis Rodríguez está considerado un dos mellores surfistas do momento na nosa terra. Subcampión de España 2012, foi premiado ao mellor Wipeout durante o Punta Galega EVE Challenge 2012, dúas mostras que o avalan como un dos chanzos do podio da nosa comunidade e que terás a oportunidade coñecer xa que será un dos nosos monitores.

Luis Rodríguez

Blog persoal

Un exemplo de superación vital: Aitor Francesena, “Gallo”

Por admin   Jueves, 19 de junio de 2014

Aitor Francescana é toda unha lenda que se expande máis alá de Zarautz, onde ten a súa propia escola de Surf. Baixo as súas ordes estiveron noutrora pequenos pupilos que hoxe son nomes propios e figuras tan destacadas do circuíto surfeiro como Aritz Aramburu, Mario Azurza, Eneko Acero, Idoia Meabe ou Axi Muniain.

Todos coinciden en destacar de “Gallo” a súa plena implicación con cada un deles e a súa destreza como mestre. Pero sobre todo, para eles, para nós, Aitor é unha grande persoa que se converteu nun exemplo de superación que traspasa as fronteiras do deporte.

Hai agora case 2 anos, as circunstancias da vida quixeron poñerlle unha pedra no camiño a Aitor cando estreaba a súa flamante condición de seleccionador nacional de surf. Un martes calquera na súa amada praia de Zarautz, un accidente surfeando fixo que perdese por completo a visión. Pero o que para calquera outra persoa podería ser un duro golpe, Aitor ergueuse e revelouse contra o destino.

Aitor leva o surf no sangue: é o seu mundo, os seus amigos, a súa vida. Un día pensou: “Por que non vou poder?” e decidiu volver cabalgar sobre as ondas. Cunha ilusión e unhas ganas de continuar na brega envexables, ergueuse e continuou con paso firme.

Quen o coñece di que non hai quen poida detelo. Tivo que cambiar os seus métodos, tivo que volver aprender moitas das cousas que antes daba por sabidas, pero así é Aitor: un exemplo de superación porque, como el di, “a vida pode ser marabillosa”.

Neste vídeo, Mario Azuza, un dos seus queridos discípulos, faille unha emotiva entrevista:

Aitor contaranos a súa historia o venres a partir das 19:00 horas no Salón de Actos do Concello de Viveiro e, ademais, será un dos monitores do curso intensivo do grupo de perfeccionamento. Unha oportunidade única de aprender da man dun dos grandes.

Unha campioa de Europa que vive un idilio con Galicia: Estitxu Estremo

Por admin   Miércoles, 18 de junio de 2014

Continuamos a presentación dos cracks que nos acompañarán no IV Surf-Camp Deputación de Lugo con toda unHa referencia do surf feminino en España que, ademais de ser campioa de Europa, ten unha vinculación con Galicia: a grande Estitxu Estremo.

Estitxu leva case toda a súa vida ligada ao mundo das táboas e do surf. Nada en Irún, comezou a gozar coas ondas cando só tiña 14 anos nas praias de Hendaia, a orixe deste deporte en Europa segundo conta a lenda. Aí foi onde comezou a forxarse neste mundo ata chegar a ser a especialista e referente que é hoxe en día.

Despuntou ao pouco de se iniciar: cando levaba só dous anos, estreouse nas competicións a nivel autonómico e, de aí, aos nacionais, europeos e mundiais. Non é de estrañar que acabase por conseguir o título europeo de surf absoluto en 1997-1999 en Irlanda.

Desde aquela, está dedicada ao surf de xeito profesional: deportista de élite, desde o ano 2000 foi membro da selección española de surf e está considerada unha das mellores surfistas de España. O seu palmarés así o certifica: campionatos de Europa absolutos de Longboard ASP 2010 e tamén de Surf 1997-1999, máis de 5 anos entre as 3 mellores de Europa ASP nas modalidades de surf e longboard, 17ª no Campionato do mundo de Longboard ASP 2010 ou 9ª do mundo no campionato do mundo ISA de surf en Durban, por só citar algúns datos do seu amplo currículo.

Ademais, Estitxu vive un idilio con Galicia. Cando decidiu estudar INEF, a súa elección estaba clara. Os arenais e, sobre todo, as nosas boas ondas levárona á Coruña. Desde aí e cunha autocaravana, percorreu as nosas costas para gozar da súa paixón. Deste xeito, viviu en primeira persoa a eclosión do surf en Galicia sendo ela unha das actrices protagonistas deste fenómeno.

Estitxu será a monitora no Surf-Camp Deputación de Lugo do curso intensivo de surf de nivel perfeccionamento. Deixámosvos cun vídeo onde repasa a súa traxectoria:

Estitxu Estremo

Entrevista en Marca: “Cada vez somos más mujeres las que nos dedicamos al surf”

O vixente campión de Europa: Dani García

Por admin   Miércoles, 18 de junio de 2014

Foto: Special Surf

Comezamos coa presentación das figuras do surf que farán todo o posible para que aproveites ao máximo a túa estadía no Surf-Camp Deputación de Lugo 2014 con alguén que é historia viva do surf na península, unha auténtica lenda deste deporte que viviu a súa progresión ata elevalo ás máximas cotas: Dani García.

Dani é o exemplo máis sobresaliente da canteira de surf cántabra. 60 son as vitorias que o contemplan ao longo da súa traxectoria, tanto en campionatos internacionais como nacionais ou rexionais. Competiu en preto de 200 finais e participou en 500 campionatos. Aí é nada.

O último dos seus grandes triunfos foi o Campionato de Europa Sénior acadado o ano pasado, co que fixo historia. Con el, son catro os cetros europeos (2 sénior e 2 júnior) que locen nas súas vitrinas. Todo un campión en maiúsculas.

Entre torneo e torneo, Dani saca tempo para levar, xunto ao seu irmán Raúl, unha das escolas de referencia na península, a cántabra Special Surf School. Alguén que desde moi novo leva subido a unha táboa ten moito que nos ensinar.

Velaquí o tedes en acción no Eurosurf Azores 2013 onde se proclamou campión:

Imaxínaste aprendendo de todo un campión de Europa? No Surf-Camp Deputación de Lugo é posible!

Dani García

Web: Special Surf School


90 segundos para saber todo o que precisas sobre o Surf Camp Deputación de Lugo 2014

Por admin   Martes, 17 de junio de 2014

Se es do que andas sempre ás presas, este vídeo está feito para ti: todo o que precisas saber sobre o Surf Camp Deputación de Lugo en só 90 segundos, grazas á Fundación Tic:

Chega o Surf-Camp Deputación de Lugo 2014!

Por admin   Lunes, 16 de junio de 2014

José Ramón Gómez Besteiro na presentación do Surf Camp Deputación de Lugo

Chegou o momento que todos estabades a esperar e esta vez, en pleno verán: xa podemos anunciar unha nova edición de Km0 Surf-Camp Deputación de Lugo!. Apunta as datas: os próximos días 27, 28 e 29 de xuño, A Mariña converterase unha vez máis no epicentro surfeiro español cunha edición cargada de novidades. A primeira: atendendo aos suxestións que nos fixestes chegar en edicións anteriores, duplicamos as prazas dispoñibles ata un total de 280 para todas as actividades e cun marcado matiz didáctico para que aproveites ao máximo a experiencia.

Serán tres días intensos cheos de actividades planificadas para que te enganches, se aínda non o estás, connosco ao mundo do surf cun completo programa. E para iso contamos coas grandes figuras deste deporte que, un ano máis, compartirán contigo as ondas da Mariña.

Dá igual que sexa a primeira vez que te subas a unha táboa como se xa dominas as artes surfeiras: hai un espazo para todos. Durante toda a xornada do sábado haberá tres cursos intensivos de surf de 5 horas de duración específicos para o teu nivel (iniciación, perfeccionamento e profesional) cun total de 80 prazas. A inscrición abrirase ao longo desta semana.

Así que nós pomos o plan e ti o talento e as ganas. A que esperas para gozar do surf na costa lucense cos mellores deportistas? Contaremos con monitores e non ter material non é escusa: pómolo á túa disposición.

Lembra que tamén podes seguirnos en Facebook e Twitter, onde poderás manterte informado de todas as novidades, a apertura do prazo de inscrición…

As mellores praias, os mellores surfeiros e o mellor ambiente: apúntaste?

Facebook Twitter YouTube Flickr RSS
Síguenos
Surfiños Van Surf School North Shore Surf Club
Colaboran
Deputacion de Lugo km0 Lugo 2 Union Europea ¡hola!ola
Organizan y patrocinan